Monthly Archives: Setembro 2012

Que é Percorrendo Arousa Norte?

Percorrendo Arousa Norte é un proxecto de dinamización da lingua galega para a mocidade promovido pola Mancomunidade de Municipios ría de Arousa zona norte a través de actividades lúdicas e do achegamento ao patrimonio arqueolóxico e arquitectónico da zona a través dun formato diferente: as novas tecnoloxías. Para achegarnos dunha forma lúdica empregaremos unha obra de humor que trata esta cuestión: a Guía do autostopista galáctico de Douglas Adams.

No libro preséntase a historia de Arthur Dent, que leva unha vida sinxela e tranquila nunha aldeíña. No entanto, o universo prepara un plan faraónico para acabar coa súa tranquilidade: un día, á mañanciña, e xa antes de almorzar, atópase rodeado por unha recua de monstros mecánicos amarelos que pretenden explanar a súa casa para que pase por ela unha autoestrada, que non vai levar por diante o seu fogar, senón tamén o resto do planeta.

Que pasaría se en Arousa Norte nos enfrontásemos a esa situación? Que fariamos con todo o noso patrimonio? Como tentariamos salvalo?

Deste xeito iniciamos a nosa proposta, que grazas a esta actividade permite achegarse á lingua galega dunha forma diferente e lúdica, a través de varios formatos (probas de campo, lectura e actividades virtuais) ao tempo que fomentamos o coñecemento do patrimonio da zona e incrementamos a presenza da lingua galega en Internet.

Para o desenvolvemento da proposta buscaremos o apoio tanto dos docentes dos centros educativos como do persoal das bibliotecas e dos animadores socioculturais. A información que contén este blog forma parte dun proxecto dirixido a escolares de secundaria e, en ningún momento, pretende ser un medio de promoción turística.

O proxecto Percorrendo Arousa Norte está financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Como participar?

Para participar nesta proposta da Mancomunidade de Municipios ría de Arousa zona norte podes facelo desde o teu centro, accedendo a esta web, onde atoparás xogos para dar coas solucións e deste xeito salvar o patrimonio, as localizacións, e todos aqueles outros elementos da zona que son de interese comunitario.

Ademais podes embarcarte na aventura de percorrer o espazo con Arthur Dent no libro Guía do autostopista galáctico e deste xeito saber cal é a razón que motiva a nosa necesidade de coñecer e salvagardar o patrimonio de Arousa Norte.

Anímate e participa!

Advertisements
%d bloggers like this: