Torre de Xunqueiras

As Xunqueiras, O Xobre, A Pobra do Caramiñal.

No século XIII, Fernán Martín de Xunqueiras ordenou a construción dunha fortaleza no lugar. Da primitiva planta só se conserva na actualidade a torre da homenaxe. Foi declarada Monumento Histórico-Artístico de Interese Nacional en 1981.

Do estilo arquitectónico primitivo, do século XIII, consérvase unicamente a torre da homenaxe, alta e sobria, cun característico noiro defensivo na súa parte inferior, sen máis vans que unhas angostas seteiras e coroado por catro garitas de vixilancia en cada esquina.

Ao longo dos séculos, á torre engádenselle novas dependencias en estilos que van desde o renacemento ao barroco, que transforman a antiga fortaleza militar nunha arquitectura palaciana. Entre estas dependencias cabe destacar, tras a fachada central da actual construción, o claustro renacentista, terminado a principios do século XVII, de planta cadrada, con arcos de medio punto na súa parte inferior e columnas menores que suxeitan o teito na súa parte superior.

A fachada lateral, oposta á torre da homenaxe, está dominada por unha portada clasicista na que destaca a torreta circular á que a balaustrada barroca engadida con posterioridade converteu nunha terraza-miradoiro.

O acceso ao conxunto a través dun peculiar camiño flanqueado por plátanos termina nun pequeno xardín valado de tipo francés.

O edificio e a herdade son de titularidade privada.

Advertisements

Posted on Setembro 27, 2012, in Arquitectura civil and tagged , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: